Tanque de Tormentas no Parque Pablo Iglesias de Esteiro

16 de mai. de 2013


Tanque de Tormentas no Parque Pablo Iglesias de Esteiro.

A Asociación Veciñal de Esteiro vimos de solicitar, a través do Rexistro Municipal do Concello de Ferrol, o proxecto de construcción dun tanque de tormentas no Parque Pablo Iglesias de Esteiro que promove a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e que forma parte do saneamento integral da Ría de Ferrol con financiamento da Unión Europea por un importe de 44.4 millóns de euros.
Tamén solicitamos os informes emitidos polos Técnicos de Urbanismo do Concello de Ferrol ao respecto da citada infraestructura pública.

Cos datos que neste momento temos da citada infraestructura a Asociación Veciñal de Esteiro MANIFESTAMOS:

  • O total apoio da Asociación Veciñal de Esteiro á veciñanza que demanda unha ubicación distinta para o referido Tanque de Tormentas. Pensamos que é perfectamente posible construír noutro espazo, que non sexa o Parque de Xogos Infantís, esa infraestructura.
  • DEMANDAMOS que o Tanque de Tormentas sexa completamente soterrado e cuberto cun manto vexetal que permita na súa superficie un xardín e mesmo especies arbóreas de pequeno porte.
  • CONSIDERAMOS que se deben separar as augas fecais das pluviais. Non é preciso que se bombeen á depuradora de Prioriño e se depuren augas de choiva que non precisan de ningún tratamento e que vai supoñer un custo moi alto e innecesario.
  • MANIFESTAMOS que apoiaremos e promoveremos cantas medidas sexan precisas para cambiar a ubicación e o modelo de Tanque de Tormentas. Queremos lembrar que a Asociación Veciñal de Esteiro apoiou e participou decididamente nas mobilizacións en defensa dos Xardíns da Ranita para que non se puxese neles un Tanque de Tormentas.
  • ESIXIMOS do Concello de Ferrol o apoio a estas demandas cidadáns o mesmo que se fixo en Ferrol Vello cos Xardíns da Ranita.

A Asociación Veciñal de Esteiro NON NOS OPOÑEMOS á construcción de Tanques de Tormentas, infraestructura pública que consideramos necesaria para a rexeneración da Ría de Ferrol e poder así incrementar o número de persoas que poidan vivir da pesca e o marisqueo. A nosa oposición é á decisión de situalo no Parque de Xogos Infantís do Parque Pablo Iglesias de Esteiro e ao modelo de Tanque que non vai completamente soterrado, xa que estas dúas condicionantes son perfectamente posibles tanto técnica como economicamente.

Xunta Directiva da AV de Esteiro. 16 de Maio de 2013.

0 comentarios:

Postar um comentário