Seguimos pelexando pola Escola Infantil Pública en Esteiro

15 de jun. de 2011



Nos días pasados aparece nos medios de comunicación desta cidade a lista de espera para as escolas infantís públicas de Ferrol, que amosan unha vez máis a necesidade de máis prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos na cidade de Ferrol.

Segundo publican os medios as escolas de Catabois e Virxe de Chamorro teñen 77 nenos e nenas en lista de espera e a de Caranza ten 50 solicitudes para 16 prazas, polo que a lista de espera será de 34.

Desde a AV de Esteiro lle demandamos, unha vez máis, á Xunta de Galicia o cumprimento do seu compromiso de construír unha escola infantil pública no Barrio de Esteiro.

No mes de abril do ano 2005 a Xunta de Galicia, gobernada como agora polo Partido Popular, fixo un estudio do número de nenos e nenas que, de idades de 0 a 3 anos, había na cidade e , con base nese estudio, tomou a decisión de construír dúas escolas infantís públicas, unha en Caranza e outra en Esteiro. Ditas escolas terían unha capacidade de 50 nenos e nenas, cada unha, terían servizo de comedor e estarían abertas de 10 a 12 horas por semana. Anunciaron que estarían rematadas en decembro do 2005.

A Escola Infantil de Caranza entrou en servizo no 2010 e da de Esteiro non existe nin proxecto.

O Pleno do Concello de Ferrol se pronunciou de xeito unánime a prol dunha moción que foi defendida pola AV de Esteiro e que reclamaba a construcción da Escola Infantil Pública no Barrio de Esteiro e que fose de xestión pública, na parcela municipal da Avenida de Esteiro, que xa foi posta a disposición da Consellería de Traballo e Benestar, tal como estaba comprometida pola Xunta de Galicia.

No barrio de Esteiro hai un colectivo de 108 nenos e nenas de 0 a 3 anos que precisan desa infraestructura pública.

No programa que o Partido Popular de Ferrol presentou ás eleccións municipais do 22 de Maio, nas que resultou gañador por maioría absoluta, se incluía a construcción da Escola Infantil Pública de Esteiro.

DEMANDAMOS da Xunta de Galicia que se elabore de maneira urxente o Proxecto Constructivo da citada instalación para que poida ser incluído nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2012.

Non se poden estar en cada período electoral facendo promesas para non ser cumpridas e moito menos seguir deixando a Ferrol na cola de investimentos da Xunta de Galicia, en materia de sanidade e servizos sociais, e potenciando o cheque infantil ,para aquelas familias que quedan en lista de espera , para que envíen ós nenos e nenas a escolas infantís privadas.

Ferrol a 27 de Maio de 2011.


0 comentarios:

Postar um comentário