Agresión ó presidente da AV de Ferrol Vello

17 de dez. de 2010

A Asociación Veciñal de Esteiro queremos amosar a nosa total solidariedade e apoio coa Asociación Veciñal de Ferrol Vello e condenamos a agresión da que foi obxecto o seu Presidente por parte dun encargado dunha empresa que, contratada polo Concello, está facendo traballos de reurbanización en Ferrol Vello.

Se o traballo das entidades veciñais e xa de por si, ademais de non retribuído, ingrato e non recoñecido polos poderes públicos, xa só faltaba que cando un directivo dunha entidade en exercicio das súas funcións e suplindo un traballo que a quen lle corresponde facer é á Inspección de Urbanismo do Concello de Ferrol e que case nunca se fai, ademais de facer ese traballo resultásemos agredidos, verbal ou fisicamente, polas empresas que traballan para o Concello.

Demandamos do Concello de Ferrol que abra unha investigación sobre os feitos e depure as responsabilidades que procedan. Demandamos do Concello de Ferrol que exerza a disciplina urbanística que é competencia do Concello e inspeccione a execución e o acabado das obras que o propio Concello contrata, cousa que non sucede moitas das veces.

Desde a nosa situación vimos denunciando reiteradamente o estado de abandono de moitos inmobles na parte vella de Esteiro, sen que percibamos que desde o Concello de Ferrol se tome medidas da cara a sancionar ós propietarios que non manteñen conservado o seu patrimonio e que moitas veces incluso motivan intervencións dos Bombeiros do Concello por mor da perigo para a seguridade das persoas . Un exemplo desta situación é o estado do edificio da Rúa Carlos III nº 34 a antiga panadería dos Irmáns Bellón que está nun estado total de abandono e que xa motivou a intervención dos Bombeiros hai máis dun ano. Haberá que agardar que se veña abaixo como acaba de suceder no Ensanche A?.

Tamén queremos denunciar como se están a executar obras de canalización na Rúa do Carme na que se están a esnaquizar canterías de Porriño dado que a execución da obra está a facerse de calquera maneira e non temos constancia de que desde o Concello se estea a facer seguimento ningún.

Queremos lembrar de que esa rúa xa sufriu unha agresión tremenda cando se abriu ,desoíndo os criterior técnicos, ó trafico por parte da Concellería de Tráfico e que , máis dun ano despois, aínda non foi reparada . Agora volve a sufrir unha nova agresión.

Tamén temos denunciado, a través do Rexistro Municipal, as moitas deficiencias cometidas nas obras efectuadas no noso local social, con motivo da unificación das dúas entidades veciñais, sen que ata o de agora ningún Técnico de Obras, nin siquera a responsable do proxecto, se achegase a verificar a nosa denuncia nin a comprobar se as obras se axustan ó proxecto.

Teremos que deixar de facer o noso traballo de fiscalización e denuncia, xa de por si non recoñecido, por mor de ser agredidos por traballadores das empresas que executan os traballos para o Concello como acaba de sucederlle ó Presidente da AV de Ferrol Vello?.

Desde logo que á AV de Esteiro non nos van facer calar


Ferrol a 17 de decembro de 2010.

Xunta Directiva da AV de Esteiro




0 comentarios:

Postar um comentário