«Ferrol ten un tecido asociativo sen comparación en Galicia»

25 de fev. de 2010

Entrevista a Xosé Miguel López Pérez, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro, extraída de La Voz de Galicia do 25 de febreiro de 2010.

O simbólico derrubo en novembro do muro que separaba os dous locais sociais das asociacións de Esteiro marcaron o inicio dunha nova etapa no barrio. Á fronte da unificación atópase Xosé Miguel López Pérez (Barallobre, 1956), presidente da agora, simplemente, Asociación Veciñal Esteiro, que leva na práctica un mes neste cargo, despois de máis de
 quince liderando a de Fontelonga.


-¿Entenderon os veciños a unificación?
-Non detectamos ningunha baixa, máis ben ao contrario. Hai unha receptividade moito maior no barrio. De tódolos xeitos, imos facer un buzoneo por 3.500 vivendas explicándolle á xente por que hai unha única entidade no barrio.

-¿E que lles van explicar?
-Que aínda que poida parecer que Esteiro é un barrio novo, hai unha parte que non o é e precisa rehabilitación e tamén infraestruturas.

-¿Por exemplo?
-A escola infantil prometida no 2005, que atendería tamén aos barrios de Recimil e os ensanches, que se cumpra o compromiso de crear un comedor social para 40 persoas no local da entidade veciñal, reforzar o control policial para o cumprimento da normativa de tráfico, pero tamén para o resto...

-¿Que posibilidades ven de que se cumpra?
-Debe de habelas todas, porque no caso da escola infantil é un compromiso do goberno autonómico e o do comedor, do goberno municipal. Son obxectivos perfectamente cumpribles.


-¿Como ve o movemento asociativo en Ferrol?
-Pode non parecelo polos problemas que está a ter Canido, que desexamos que se solucionen, pero o movemento asociativo en Ferrol é moi vivo. ¿Que ocorre? Que ten pouca participación nas directivas, ás que creo que se podería sumar, cun pouco de esforzo, toda esa xente prexubilada. Ferrol ten un tecido asociativo que non é comparable con ningún outro sitio de Galicia.
-¿Debe ser Esteiro un modelo?
-Nós non queremos ser exemplo de ninguén. É desexable que haxa unha soa entidade por barrio, pero ante a posibilidade dunha que non funcione fronte a que haxa cinco que funcionan é mellor que haxa máis. É certo que non parece moi entendible que haxa seis entidades veciñais en Doniños, pero hai que ver as circunstancias.
-¿Recibirán máis subvencións agora que están unificadas?
-Iso é un compromiso que o alcalde expresou o día que se tirou o muro. De tódolos xeitos, en 2009 non se deu subvención ningunha a entidades veciñais, e para 2010 non vemos que haxa ningunha. Aínda temos pendentes de cobrar actividades do 2008.

0 comentarios:

Postar um comentário