Ferrol súmase á reivindicación dun Instituto Rosalía de Castro para difundir a cultura galega
25 de fev. de 2010
Artigo extraído de Diario de Ferrol
A Asociación de Escritores en Lingua Galega promoveu a lectura conxunta, en media ducia de cidades de Galicia, dun manifesto con motivo do 173 aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro. Nel, demanda á Xunta a creación dun Instituto que leve o seu nome “para que a nosa cultura sexa posta en valor dentro e fóra de Galiza”. Ferrol foi unha das localidades -con A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo e Lugo- nas que se leu o documento, nun acto celebrado ás seis da tarde na praza do Himno Galego. Foi Rosa Méndez a encargada de facelo.
O manifesto é unha homenaxe “á muller que alargou até o infinito o campo da literatura e da cultura galegas” no ano no que se cumpren 125 anos do seu falecemento (o 15 de xullo). Ó tempo, denuncia a situación actual da lingua e da cultura galegas, subliñando a vixencia do pensamento de Rosalía. “Nestes días para nós escuros, Rosalía, lembrámoste unha e outra vez. (...) E preguntámonos se este frío imposíbel que se instala na nosa pel é o mesmo frío que ti sentiches ante os que teñen fama de honrados na vila, aqueles que, amparados hoxe no mandato estatutario que lles foi outorgado para promoveren a cultura galega e a defenderen fronte ás agresións, utilízano contra todo o que ti significas, minusvalorando a herdanza túa”, escriben.
Reivindican ademais unha Rosalía comprometida cos desfavorecidos e combativa. “Os que hoxe non negan, como a ti te negaron ao longo de tanto tempo, son da estirpe dos que te alcumaron de chorona, mixiriqueira e trastornada por sombras de incerteza”.
Deste xeito, a fundación dun Instituto Rosalía de Castro serviría, ademais, para dar a coñecer internacionalmente á autora, xunto coa cultura galega.
0 comentarios:
Postar um comentário