Somos cidadáns non somos súbditos

10 de out de 2013



A Asociación Veciñal de Esteiro na reunión da Xunta Directiva celebrada, como cada luns, o día 7 de outubro tomamos o acordo de DENUNCIAR a eliminación total da Participación Cidadá no Concello de Ferrol.
Non se reúne o Consello da Veciñanza, os Consellos Sectoriais , algúns aínda non están constituídos. As Asembleas de Barrio non volveron a convocarse desde a súa constitución . Non se puxo en marcha unha institución fundamental como é o Valedor Veciñal e tamén desapareceron os Orzamentos Participativos.
Non se convoca a Comisión de Seguimento do Urban , non se da participación á veciñanza , agás para presentar alegacións que as mais das veces non son tidas en conta,  cando se elaboran Ordenanzas Municipais.
Tómanse decisións , como a de facer peoniles máis rúas, escoitando so os intereses de determinados colectivos, sen falar do modelo de cidade e sen establecer planos de mobilidade e de circulación alternativos.
Está claro que o actual Goberno Municipal non cree na participación cidadá.
As relacións dos responsables políticos, agás honrosas excepcións, coas entidades asociativas, cando menos coas veciñais, son cada vez  menos fluídas e nalgún caso, como coa Concellería de Urbanismo, inexistente.
Por se non fose dabondo o non contar coas entidades veciñais, o Goberno Municipal aínda  está disposto a tomalas  máis de broma e menosprezalas moito máis. Sucede este ninguneo co chamado Plan de Barrios, que está na súa segunda fase.
Ningún responsable político municipal, nin tampouco ningún funcionario municipal, agás o de limpeza, se pon en contacto coas entidades asociativas para que elaboren un memorando coas demandas e deficiencias que hai no barrio. O que se fai é mandar unha semana antes da nova visita do Alcalde ao respectivo barrio aos responsables das empresas que traballan para o Concello polos locais veciñais para que lles digamos que necesita o Barrio e logo durante tres ou catro días as empresas de xardíns, alumeado, obras e servizos se encargan de amañar unha pequena parte de esas deficiencias, para que o Alcalde da cidade, como en “Bienvenido Mr. Marshall”, apareza un xoves ou un venres rodeado dos medios de comunicación a “vender” todo o que fixeron neses catro días.
Previamente á visita, o día anterior, se invita á Asociación Veciñal de ese Barrio para que acompañen ao Alcalde, algunhas o están aceptando inexplicablemente, e tamén se avisa aos representantes da Asemblea de Barrio, os de Esteiro non sabemos nin si existen,  para que poida contarlles a grande labor que leva feito en catro días no Barrio.
Esta Asociación non imos deixarnos manipular e non aceptamos que en lugar de cidadáns o Sr. Rey Varela pretenda tratarnos como súbditos  polo que non imos participar na farsa  que o Alcalde da cidade ten organizada para esta semana en Esteiro, polo tanto a Xunta Directiva da AV de Esteiro  non imos acompañar ao Alcalde como se fósemos o seu séquito ou o seu coro de figurantes.
Se o Sr. Varela quere estar en campaña electoral permanente, non o vai facer utilizando á Asociación Veciñal de Esteiro que  DEMANDAMOS  que se recupere xa a Participación Cidadá e se respecten os dereitos da cidadanía en xeral e do tecido asociativo en particular.
Cando o Alcalde de Ferrol,  calquera membro do Goberno Municipal ou Grupo Municipal queira reunirse coa Asociación Veciñal de Esteiro, a nosa entidade os recibirá gustosamente, pero pretender utilizarnos como figurantes nunha cerimonia permanente da confusión non o imos tolerar e non imos participar .
 Sr Rey Varela paséese canto queira por Esteiro pero non conte con nós. Non pretenda vendernos os traballos  que está obrigado a facer o Goberno Municipal como unha concesión da Súa Graciosa Maxestade aos súbditos de Esteiro.
 A Participación Cidadá non é eso

0 comentarios:

Postar um comentário