Valoración I Mercado Solidario
12 de ago. de 2013
Desde a Asocicación Veciñal de Esteiro queremos amosar o noso agradecemento a tódolos artesáns e vendedores de segunda man que participaron no I Mercado Solidario de Artesanía e Segunda Man do Barrio de Esteiro, que organizamos xunto coa Asociación de Hostalería e Comerciantes de Esteiro e no que colaborou o Concello de Ferrol.
Cando decidimos facer esa actividade tiñamos varios obxectivos:
- Dinamizar a actividade comercial do Barrio, da que dependen moitos postos de traballo.
- Propiciar un espazo de exposición e venda directa, sen intermediarios, nas rúas do Barrio, creando un clima de alegría e colorido en Esteiro, e que tanto artesáns como vendedores poidesen ter uns ingresos económicos e un escaparate no que amosar as súas mercadorías.
- Crear un espazo de convivencia entre a veciñanza de Esteiro sacando á xente á rúa.
- Recuperar os xogos populares para que as rúas volten a ser un espazo de xogo e convivencia entre os nenos e nenas de Esteiro.
- Axudar a difundir a música e a cultura coa Banda Ferrolá de Música do Concello de Ferrol.
- Colaborar con entidades sociais, neste caso o Comité Antisida-Lazos, que desenvolven un labor imprescindible e que teñen problemas graves de financiamento, aportando o 90% do recadado coa inscrición no citado Mercado Solidario, que non deixa de ser unha cantidade pequena e simbólica.
- Facer todas esas actividades co mínimo custo posible, xa que a Asociación Veciñal de Esteiro, ten poucos recursos e a AHCOBE, que está comezando, tampouco ten recursos.
Rematado o Mercado, no que participaron 66 postos ( 24 de Artesanía e 42 de segunda man) pensamos que tódolos obxectivos están conqueridos.
A celebración do I Mercado Solidario foi un éxito, sempre con erros a corrixir, a Avenida de Esteiro estivo ateigada de xente o que posibilitou que tanto os vendedores como a Hostalería do Barrio tivesen un resultado económico aceptable e superior ao doutras xornadas.
A organización do I Mercado supuxo, para a Asociación Veciñal de Esteiro, un esforzo e unha decicación de tempo moi importante, pero o resultado obtido fai que ese esforzo teña a súa recompensa co recoñecemento e mostras de agradecemento que recibimos tanto da veciñanza o barrio, como dos participantes no Mercado e, sobre todo, da Hostalería do Barrio de Esteiro.
Sempre hai críticas, ben intencionadas, que hai que aceptar e que nos permitirán mellorar.
Tamén hai difamacións inxustas, mal intencionadas, e graves acusacións contra a Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro, que son inaceptables .
Pero, maioritariamente, recibimos agradecementos polo traballo desenvolvido na organización e no resultado deste evento e felicitacións incluso doutras entidades veciñais de Ferrol.
Queremos novamente agradecer aos Artesáns e aos vendedores a súa participación, no I Mercado Solidario e de Segunda Man do Barrio de Esteiro, xa que eles son os que fixeron que o resultado fose un éxito colectivo.
Ademais conseguimos proxectar o Barrio de Esteiro a toda Galicia a través das redes sociais.
Tamén participaron no I Mercado Solidario o Grupo de Gaitas de Donas e Galáns e a Pirotecnia Millarengo.
0 comentarios:
Postar um comentário