San Xoán en Esteiro

22 de jun. de 2013


Venres, 21 de xuño de 2013
O barrio de Esteiro acollerá dende o venres 21 tres días de actividades festivas e turísticas coincidindo coa celebración do San Xoán
A avenida de Esteiro acollerá dende o venres 21 e até o domingo 23 a primeira edición do “Mercado Mariñeiro”. 



Imaxe da nova

As concelleiras de Festas e de Turismo do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós e María del Carmen García Fraga, respectivamente, presentaron o xoves 20 o programa de actividades de carácter lúdico e de ocio que terán lugar no barrio de Esteiro dende o venres 21 até o domingo día 23. A celebración do San Xoán, o primeiro Mercado Mariñeiro, a Carreira Popular da Ruta da Construción Naval ou visitas guiadas polo barrio –incluíndo no percorrido o acuartelamento de Dolores e o conxunto monumental de Fontelonga- forman parte da programación organizada pola Administración municipal en colaboración coa entidade veciñal de Esteiro. A presentación desta oferta de ocio tivo lugar no Salón de Recepcións do Pazo Municipal e á mesma asistiu unha representación da xunta directiva veciñal do barrio.
No que atinxe ao Mercado Mariñeiro, a titular de Festas destacou que o obxectivo “é que serva de reclamo para atraer xente ao barrio esta fin de semana e, deste xeito, contribuír a dinamizar o sector hostaleiro e comercial da zona”. Os expositores e postos de venda ocuparán un treito da avenida de Esteiro, e nesta feira se poderán adquirir produtos de artesanía, gastronomía, orfebrería, etc... Así mesmo, contará con animación musical e diversións para os máis pequenos e pequenas durante os tres días que durará esta feira. A inauguración deste primeiro Mercado Mariñeiro terá lugar o venres 21 de xuño, a partir das 19.00 horas. Tamén na mesma xornada, ás 21.30 horas a praza do Himno Galego acollerá a actuación do grupo musical “Parranda La Nuestra”, que interpretará un amplo repertorio de boleros. O sábado 22, a animación das rúas de Esteiro correrá a cargo do grupo de música tradicional “Berros do Castro”, que percorrerá a avenida de Esteiro e o Mercado Mariñeiro a partir das 12.00 horas.
O domingo, día 23, a xornada comezará coa disputa da I Carreira da Ruta da Construción Naval, con saída do Cantón de Molíns ás 11.00 horas; e que percorrerá os Arsenais, o estaleiro de Navantia Ferrol e Esteiro, con chegada de novo ao Cantón. Xa pola tarde, ás 19.30 horas a música en directo volve á praza do Himno Galego coa actuación do grupo de gaitas e as cantareiras da Asociación Cultural “Donas e Galáns”. Este concerto dará paso ao inicio das actividades con motivo da Noite Meiga de San Xoán. Así, ás 21.30 horas comezará unha verbena no Cadro de Esteiro co grupo musical “Verde Menta”; e ás 23.00 horas terá lugar o acendido da fogueira. A noite rematará cun espectáculo de fogos de cores.
Turismo
O programa de festexos en Esteiro inclúen ademais unha visita guiada polo barrio, organizada pola Concellería de Turismo que dirixe María del Carmen García Fraga. Este percorrido sairá da praza de San Amaro o domingo, día 23, ás 18.00 horas; e os participantes pasarán polas casas natais do Galego Soto e do xeneral Gabeiras; polos monumentos a Pablo Iglesias, Concepción Arenal e Fontenla Leal; polo Campus Universitario e polo cuartel de Dolores e o conxunto monumental de Fontelonga, do século XVIII. Durante todo o percorrido, de aproximadamente unha hora de duración, os participantes estarán acompañados dunha guía oficial do Concello de Ferrol que irá comentando cada un dos monumentos e espazos que se visitan. “Durante os vindeiros tres días Esteiro será un dos barrios máis atractivos da cidade, con un importante número de actividades pensadas para dinamizar as rúas deste barrio e a hostalería e comercio local”, coincidiron en afirmar Martínez Galdós e García Fraga.

0 comentarios:

Postar um comentário