Xoves 28 outubro Cine nos Duplex de Esteiro

25 de out. de 2010

Cine e Sociedade en Esteiro



Continúa o ciclo de Cine e Sociedade que organiza a AV de Esteiro nos cines Duplex. O xoves día 28 de outubro se proxectará ás 20:30 horas e con entrada de balde a película : Chovendo Pedras de Ken Loach.




"Cando eres obreiro choven pedras sete días á semana".

Raining stones (Chovendo pedras; 1993) intégrase nunha especie de triloxía, canda Riff-Raff (1991) e Ladybird Ladybird (1994), sobre a descomposición social en Reino Unido como consecuencia das políticas económicas aplicadas polos conservadores, e que posteriormente retoma en My name is Joe (1998), xa cos laboristas no poder. A intención declarada do director en todas elas é a de facer visibles a uns personaxes que polo xeral non teñen cabida no cine máis comercial pola súa condición de perdedores. Intenta retratar a capacidade de loita duns individuos esquecidos, apartados pola estrutura económica imperante, pero que non se deixan levar pola desesperación da súa precaria situación. Non obstante, como veremos, estes representantes da clase traballadora aspiran de maneira lexitima (?) á plena integración no medio social en que se moven. Dalgunha maneira Raining Stones certifica a culminación dunha tendencia totalmente consolidada nun modelo social que terminou con calquera aspiración revolucionaria de cambio da sociedade: o aburguesamiento das clases traballadoras, cunhas necesidades e aspiracións de integración e, incluso, de ostentación propia da burguesía. O proletariado renunciou á loita organizada por unha sociedade diferente a cambio dunhas comodidades materiais e simbólicas, que se revelaron insuficientes e neutralizadoras do seu potencial transformador.



As políticas neoliberais dos gobernos de Margaret Thatcher incumpriron o contrato social e aos traballadores unicamente deixáronlles os símbolos.

Nesta ocasión, Loach e o seu equipo escollen a cidade de Manchester, en concreto un barrio católico de vivendas de aluguer subvencionado polo Concello. Do mesmo xeito que noutras das súas películas, a influencia da súa experiencia como documentalista intúese na concepción e realización do filme. Esta tendencia, presente nos seus outros filmes, levou á crítica a caracterizar o seu estilo en termos de transparencia da posta en escena. Evidentemente a elección duns actores e actrices descoñecidas e en moitas ocasións non profesionais, con algunhas doses de improvisación na súa actuación, dotan ao relato dunha veracidade que se escapa noutro tipo de producións que abordan a mesma temática pero apoiados nun star system que facilite a súa comercialización. Porén, e tendo en conta as aspiracións de Bob (Bruce Jones), pódese considerar que tales trazos, lonxe de constituír unha aposta pola ruptura formal do modelo de representación dominante - considerado este como transmisor dos valores dominantes -, erixíronse en lugares comúns nun cine que aspira ao compromiso social

Conmovedora:

Película sobre a clase obreira británica, e as súas terribles épocas de paro. Ao contrario que Will Smith en "En busca da felicidade", que deixaba unha noxenta conclusión, a de que todo é posible en América e mellor traballar nunha multinacional e ser unha persoa importante que un pobre obreiro. O protagonista de ·Chovendo pedras" loita continuamente por saír adelante facendo os traballos que pode, os que se lle presentan, para poder sacar adiante a súa familia. Él non busca unha multinacional, só quere te-lo xusto para poder comer. Desesperado por non ter un traxe de comunión para a súa filla, recorre a un cruel prestamista, que lle trae malas consecuencias. Repleta de escenas realistas e amargas, (destacamos a escena na que ´o seu compañeiro de fatigas chora por ter que aceptar cartos da súa filla), pero sen caer na ñoñería de "En busca da felicidade", a película é excelente e ten un final moi axeitado.


A película estará presentada por Carlos Neira Suárez:


Naceu na bisbarra de Ferrol en 1950. Foi un membro destacado do comité de Empresa de Astano nos primeiros anos 80. Militou no PSG-EG e chegou a ser concelleiro en Fene por Unidade Galega. Na actualidade dedícase ao mundo da empresa.

0 comentarios:

Postar um comentário