Escola infantil pública en Esteiro

6 de mar. de 2010

Noticia publicada no Diario de Ferrol .
Martes 19 de Maio de 2009

________________________________________

A AVV Fontelonga entrega mil firmas en demanda dunha escola infantil no barrio


REDACCIÓN  FERROL

Representantes da Asociación de Veciños Fontelonga de Esteiro, encabezada polo seu presidente Xosé Miguel López, entregaron onte no Rexistro do Edificio da Xunta en Ferrol arredor de mil firmas en demanda da construción dunha escola infantil pública no barrio. As sinaturas foron recollidas ao longo da campaña de sensibilización sobre a necesidade desta infraestrutura que a entidade desenvolveu nos últimos meses.

Xosé Miguel López explicou que a creación dunha escola infantil en Esteiro fora xa comprometida no ano 2005 polo goberno do Partido Popular, polo que agora agardan que coa volta desta formación política á Xunta se materialice o devandito proxecto.

Segundo lembrou, “a pelota agora está no tellado da Xunta, xa que o Concello, a través da Concellería de Benestar, xa comprometeu unha parcela en Esteiro para adicala a esta infraestrutura”, dixo o presidente da entidade veciñal.

Xosé Miguel López avanzou tamén que pedirán unha reunión co delegado único da Xunta na provincia da Coruña, Diego Calvo, para “coñecer a posición do Partido Popular con respecto a este tema”, comentou, xa que precisamente o PP foi o único dos grupos municipais de Ferrol que “non accedeu a ter unha entrevista con nós pese a solicitalo oito veces por escrito e ata verbalmente a dous concelleiros”, asegurou. Desde a AVV Fontelonga incidiron na necesidade de dotar ao barrio dunha escola infantil pública, xa que a falta de prazas para nenos de entre 0 e 3 anos é un gran problema na cidade ferrolá, onde segundo un estudo da Federación de Anpas de Ferrolterra, se precisan un total de 500 prazas para cubrir as necesidades da pobocación.

De non obter unha resposta positiva nos vindeiros meses, a Asociación de Veciños ten previsto levar a cabo a partir do vindeiro curso novas accións de protesta.

Como se lembrará, nos últimos meses Fontelonga desenvolveu unha campaña de sensibilización que incluíu encontros cos diferentes axentes sociais, como grupos políticos municipais, sindicatos ou Anpas.

0 comentarios:

Postar um comentário