Supresión da Zona Azul de Esteiro

4 de mar. de 2014

http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/vecinos-esteiro-y-ultramar-piden-mantengan-plazas-zona-azul/20140304030953077114.html.
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2014/03/03/vecinos-esteiro-rechazan-anulacion-zona-azul-barrios-ferrol/00031393844779442808233.htm

Zona Azul en Esteiro.

Desde a Asociación Veciñal de Esteiro MANIFESTAMOS a nosa total oposición á decisión unilateral tomada polo Goberno municipal do Partido Popular de ANULAR a Zona Azul en Esteiro, do mesmo xeito que fixeron a Asociación de Veciños e os comerciantes e hostaleiros do barrio de Ultramar, polos seguintes motivos:

Primeiro: A decisión de implantar a Zona Azul GRATUÍTA foi tomada, de forma UNÁNIME, nunha Comisión de Tráfico, atendendo a criterios técnicos da Policía Municipal e atendendo a unha DEMANDA veciñal e de comerciantes e hostaleiros do barrio de Esteiro, diante da falla de prazas de estacionamento no Barrio.

Segundo: Este informe establecía a necesidade de favorecer a rotación nos estacionamentos, debido a peonalización do Barrio da Madalena e de que Esteiro ten unha demanda de prazas superior a outros barrios por mor de Bazán e  a Universidade, xunto coa próximidade ao centro da cidade.

Terceiro: A actividade do comercio e da hostalería do Barrio, que están maioritariamente nas zonas establecidas como Zona Azul GRATUÍTA, estarían moi prexudicados se non houbese unha rotación nos aparcamentos e as prazas de estacionamento estivesen permanente ocupadas por coches de persoas que desenvolven a súa actividade no Centro da Cidade.
Esas razóns levaron ao Goberno Muncipal, logo dun acordo UNÁNIME, da Comisión de Tráfico, a ampliar a Zona Azul existente nunha parte da Avenida de Esteiro, ao espazo comprendido entre esta última Rochel, Avenida de Vigo e Praza de Santo Amaro. Deixando rúas intermedias nese espazo como de aparcamento libre e sen restrición horaria.
Para cumprir ese fin houbo que destinar unha importante partida económica á sinalización, tanto horizontal como vertical, das rúas afectadas pola zona azul e o espazo de cada praza de estacionamento.


Desde a Asociación Veciñal de Esteiro sempre fomos, e seguimos sendo, favorables á existencia da Zona Azul, xa que os beneficios, como se desmostrou mentres funcionou, foron moi altos e os prexuízos mínimos.
Coa toma de posesión do novo Goberno Municipal, a zona azul de Esteiro e tamén a da Madalena, deixan de funcionar na práctica e pese a existir a sinalización a Policía Local, seguindo ordes do Goberno Municipal, deixa , de facto, ANULADA a Zona Azul.
Agora da un paso máis e , de maneira oficial, anula a Zona Azul, creando un grave prexuízo á veciñanza de Esteiro e , sobre todo, ao Comercio e Hostalería do Barrio, xa afectada pola crise económica e que suma así un novo prexuízo.
O caos de tráfico en Esteiro é notorio cada día, a falla de estacionamento se lle suma a falla de vixilancia da Policía Local, a pesar das promesas, sempre incumpridas do Concelleiro de Tráfico, D. Pablo Cal, de destinar efectivos específicos a Esteiro: Coches en dobre fila na Avenida de Esteiro e en Naturalista López Seonane, mal estacionados en beirarrúas e pasos de peóns: Praza de José Couso, Alameda do Cantón, Praza das Angustias, San José, Pascual Veiga, Carlos III, Españoleto,Zurbarán, Caranza, Circunvalación etc.
Sumado á mala sinalización horizontal e vertical, non se repoñen desde hai anos os sinais derrubados, é ao caos permanente que se produce cada día na Praza de Santo Amaro coincidindo coa entrada e saída do Colexio Compañía de María, que producen un bloqueo total na circulación nesa Praza.
Desde esta entidade presentamos un plan de pintado horizontal en todo o barrio de Esteiro, sinalizando o espazo que ocupa cada coche, que permitiría gañar 300 prazas de aparcamento, sen que D. Pablo Cal fixese caso ningún.
Tamén DEMANDAMOS a entrada do transporte público en Bazán, en horarios adaptados aos traballadores, sen resultado.
DEMANDAMOS que se negociase con Defensa a autorización para a Universidade de estacionar diante do Cuartel de Dolores, onde existen preto de 150 prazas libres, sen resultado.
Ningunha das propostas formuladas pola AV de Esteiro á Concellería de Tráfico, foron tidas en conta.
A isto hai que sumarlle os peches de rúas ao tráfico, como a de Par de Baixo, sen ningún motivo, sen consenso e sen Plano alternativo de Tráfico. Outro tanto obras que afectan ao Tráfico, producen cortes de rúas sen plano de Tráfico alternativo.
Esta situación se agrava no conxunto da cidade desde hai tres anos, debido á falla de capacidade e á incompetencia demostrada polo Concelleiro de Tráfico motivo polo que  DEMANDAMOS  o seu cese inmediato como responsable nesa Área e que se designe a outra persoa que amose máis capacidade de diálogo, interese e capacidade.
ESIXIMOS o mantemento da Zona Azul en Esteiro, onde estaba establecida, e a súa vixilancia, en canto non se estableza por consenso outro Plano que puidese resultar mellor e do que se dea coñecemento previo, para as oportunas alegacións, á veciñanza e aos comerciantes e hostaleiros de Esteiro.
Temos solicitado, a través do Rexistro Municipal e en conversa telefónica coa responsable de Participación Cidadá, Dona Martina Aneiros, a Convocatoria da Asemblea de Barrio de Esteiro, que vai cumprir tres anos desde a súa constitución e, malia ter que reunirse catro veces no ano segundo o RPC do Concello de Ferrol, non se volveu a convocar nunca, nin para solicitar a súa opinión nin para darlle información, como tamén establece o Regulamento de Participación Cidadá, dos temas que afectan a Esteiro.
No mes de abril xa corresponde elixir novos membros representativos da Asemblea de Barrio.
Por último reiterar a nosa DEMANDA de que se deixe sen efecto a decisión unilateral de supresión da Zona Azul en Esteiro e se manteña e se efectúe a vixilancia precisa, en beneficio do Comercio e Hostalería do Barrio, e o CESE IMEDIATO, como responsable de Tráfico.

Xunta Directiva da AV de Esteiro



0 comentarios:

Postar um comentário