Plano de choque contra as gaivotas en Esteiro

25 de ago. de 2011

A Asociación Veciñal de Esteiro, vimos de demandarlle ó Concello de Ferrol a posta en marcha dun Plano de Choque Urxente contra a poboación de gaivotas e pombas que hai no Barrio de Esteiro.



Foto de Diario de Ferrol 27/8/2011


O texto íntegro do escrito é o que figura a continuación:

Plano de choque urxente contra as gaivotas en Esteiro.


Desde a AV de Esteiro DEMANDAMOS do Concello de Ferrol a posta en marcha dun plano de choque urxente contra a poboación de gaivotas e pombas no Barrio de Esteiro.

O anterior Goberno Municipal de Ferrol, no mes de maio, sacou a licitación por case 50.000 euros o control das poboacións de gaivotas, estorniños e pomba doméstica. Non sabemos si se produciu a adxudicación do citado concurso e se hai unha empresa dedicada a efectuar o citado control, pero si sabemos que a poboación de gaivotas en Esteiro aumentou nos últimos anos e que os problemas derivados dese incremento de gaivotas tamén se viron incrementados.

Aínda que no Concello de Ferrol vense actuando sobre as poboacións de estorniños, pombas e gaivotas desde o ano 2000, pensamos que o traballo desenvolvido, cando menos no Barrio de Esteiro, non está dando os froitos desexables, especialmente en canto ás gaivotas.

O deterioro de moitas vivendas da parte vella do Barrio, e a falla de Plans Municipais para favorecer a rehabilitación da mesma, fan que haxa lugares que favorecen a cría e que fan difícil o control da poboación desas aves, por mor do seu dificil acceso.

Tamén e un factor que favorece o incremento da poboación de gaivotas e pombas a falla de cumprimento da ordenanza de recollida de lixo por parte de moitos cidadáns deixando bolsas no pé dos colectores e mesmo colectores abertos que fan posible que as gaivotas as rachen e teñan alimento fácil e abondoso.

Non é menos certo que , aínda que poucos, hai cidadáns que lle botan de comer ás gaivotas e as pombas malia a estar estrictamente prohibido.

O feito de que no Barrio haxa 3 grandes superficies de alimentación que producen moitos residuos de materia orgánica tamén favorece o crecemento e proliferación de gaivotas.

Os problemas orixinados son : A imposibilidade de durmir polos continuos chíos día e noite, a sucidade que producen, a transmisión de enfermidades, os danos no mobiliario urbano e o atasco con frecuencia de canalons e baixantes nos tellados dos edificios, provocando moitas veces inundacións nos rochos(trasteiros).

Se os veciños en xeral temos que sufrir os problemas orixinados por gaivotas e pombas, o sector de Hostalería do Barrio de Esteiro sofre dobremente a situación. É coñecido o abondoso número de terrazas instaladas en Esteiro, na rúa Par de Baixo, Carme, Praza do Himno Galego e sobre todo na Avenida de Esteiro, nesas terrazas os danos que se producen son moitos: cadeiras, parasoles, mesas e mesmo clientes, sofren os excrementos de gaivotas e , neste caso, principalmente das pombas ( especialmente  na Avenida de Esteiro ó aniñar moitas pombas nos soportais e nos plátanos da mesma).

Por eso DEMANDAMOS do Goberno Municipal medidas urxentes e, desde a AV de Esteiro os convidamos a que visiten o barrio, ofrecéndonos a acompañalos, e comproben a veracidade da nosa denuncia e a urxencia da nosa demanda.



Ferrol a 23 de agosto de 2011.



Xunta Directiva da AV de Esteiro.

0 comentarios:

Postar um comentário